luns, 16 de xaneiro de 2012

ELENA GALLEGO NO SAN NARCISO CON 2º da ESO


A ESCRITORA ELENA GALLEGO PARTICIPA NOS ENCONTROS CON AUTORES DA BIBLIOTECA SAN NARCISO.


A escritora Elena Gallego Abad foi hoxe a autora invitada aos ENCONTROS CON AUTORES DA BIBLIOTECA SAN NARCISO. Neste caso a Biblioteca de Secundaria do Colexio San Narciso de Marín escolleu para o primeiro deste encontros no curso e esta autora afincada en Marín e que da súa primeira novela está a punto de saír a 4ª Edición, cousa que nun libro editado en galego non acontece con tanta frecuencia como sería de desexar. Despois da lectura do seu xa moi popular libro DRAGAL, A herdanza do dragón, que é o primeiro da dunha tamén xa moi coñecida saga editada na colección xuvenil Fóra de xogo, da editorial Xerais os alumnos/as de Literatura Galega de 1º e 2º da ESO participaron deste encontro que se desenvolverá en dúas sesións a primeira hora de clase deste luns e do próximo, a modo de Club de lectura. Coñeceron así de primeira man os motivos que levaron a Elena a escribir esta famosa saga que entronca coa literatura xuvenil máis lida nestes momentos, relacionada co mundo da fantasía e maxia, pero que conta coa particularidade de facer partícipe da trama elementos reais e lendarios propios da nosa Terra como son os dragóns ou as mouras. Esta experiencia ademais está incluída nos denominados “Premios Sarmiento” unha iniciativa dos Equipos de Normalización dos centros católicos de Galicia (FEREGA) pola cal son os lectores os que escollerán a novela que máis lles guste despois de ler varios títulos. Esta novela de Elena Gallego foi unha das seleccionadas na presente edición do concurso no que participan centros de toda Galicia e, pola resposta que esta tendo, promete ser unha das candidatas máis firmes a recibir este premio que se dará a coñecer no próximo mes de maio.








Elena Gallego Abad, que é unha avezada xornalista, comezou a súa andaina literaria no terreo da ficción precisamente con esta novela da que está a punto de publicar xa a terceira parte. Elena Gallego afirmou entre outras cousas que aínda que hai quen di que a saga de Dragal é “o Harry Potter galego”, esta historia procura evitar lugares comúns deste tipo de novelas e partir de elementos mitolóxicos e históricos de Galicia, desenvólvese nun lugar da nosa xeografía e en pleno século XXI, polo que tanto na trama coma nos personaxes e motivos da novela resulta ben diferente á saga inglesa e a outras grandes sagas fantásticas. Aquí radica un dos eus grandes atractivos. Os rapaces e rapazas do San Narciso participaron pois dunha interesante e animada sesión que rematou coa tradicional sinatura dos libros por parte da autora. Foi unha experiencia moi agradable e realmente ilusionante para estes grupos de lectores noveis que prendados da historia algúns confesaron que xa comezaran a lectura da segunda entrega.


















Ningún comentario: